WILY | FORZA INGOBERNABLE

22/03 | 29/03 y 05/04 de 2013

FAC Peregrina (Santiago de Compostela)

 

PROGRAMA

Venres 22 de marzo

18:00 | Apertura da exposición.

 

Venres 29 de marzo

18:00 | Imaxes, poesía e música de Wily con Benxamín Otero e Celso Fernández Sanmartín. 

 

Venres 5 de abril

18:00 | Forza ingobernable | Encontro con Alberto González Alegre e Miguelanxo Rodríguez en torno á figura de Wily.

 

[+información] http://facperegrina.wordpress.com/

 

 

EXPOSICIÓN

Curador: Ángel Calvo Ulloa

Coordinadores: FAC Peregrina | Ania González, Diego Vites e Olmo Blanco

Produción: Asociación Amigos da Obra de Wily e FAC Peregrina.

 

PUBLICACIÓN

Textos: Ángel Calvo Ulloa, Benxamín Otero e Asociación Amigos da Obra de Wily

Revisión de textos: Eliana Martins - DESEU Comunicación

Fotografías: Damián Paio e Miguel Calvo

Edita: Asociación Amigos da Obra de Wily

 

Imprime: Alvarellos 

 

***

 

Wily: Creando baixo unha ingobernable forza

Ángel Calvo Ulloa

 

O artista é un ser asocial. Iso é así, gústelle ou non. É alguén a quen a sociedade non necesita en absoluto. Non o quere, rexéitao. Xeracións posteriores quizais encontren interesante o que o artista fixo, pero aos seus contemporáneos probablemente lles molestará e lles desgustará.

 

Georg Baselitz

 

 

A desobediencia é o verdadeiro fundamento da liberdade. Os obedientes deben ser escravos.

 

Henry David Thoreau

 

 

Wily, ou Antonio Taboada Feradás, (Lalín, 1962-2006) pertenceu con tódalas súas consecuencias a ese período de entreguerras que a arte galega viviu entre as décadas dos oitenta e os noventa do pasado século. De formación autodidacta, cun carácter que o achegaba ás figuras protagonistas do denominador común de Atlántica, os seus ollos miraron de xeito uniforme cara Europa e Norteamérica, mesturando unha información que chegaba a contagotas. Herdeiro desa forza ingobernable do salvaxismo alemán, a planitude do seu cromatismo e a temática terá máis que ver cos primeiros traballos de figuras coma Claes Oldenburg -xigante do pop norteamericano que asinou uns comezos a medio camiño entre o xestual e o perfeccionamento industrial das formas que desencadeou co paso de tempo-, malia que o resultado formal do traballo de Wily sempre nos recorde nun primeiro momento ao xesto impulsivo de Georg Baselitz ou, cara a América novamente, aos grafismos torpes e espontáneos que Jean-Michel Basquiat ou James Brown desenrolarán xa nos oitenta.

X. Antón Castro definirá a súa tendencia como máis personalizada pola vena irónica e totémica ata o extremo de poñer en escena unha vontade de primitivista pop polo cromatismo vivo que reciben as súas figuras sabrosamente arcaizantes.

 

En 1985, despois de rematar os seus estudios de formación profesional no instituto Laxeiro de Lalín, trasládase a Santiago de Compostela aproveitando a estadía da súa irmá na cidade e comeza a participar da vida cultural que naquel momento se desenrolaba, esforzándose no campo da música, recibindo clases de violín e solfexo –campo ao que xa se achegara dende moi novo-.

A chegada a este estado de influencias enfrontadas - a man de Wily comeza a escribir e a facer música antes que a deixarse levar pola vibración da motoserra- virá dada pola liberdade coa que desenrolará o seu traballo dende os comezos. Será nese momento, a mediados dos oitenta, cando a xa profunda influencia de dúas figuras como Laxeiro e Antón Lamazares o levarán a introducirse no campo da plástica. Se nos inicios se interesara pola poesía –do mesmo xeito que o propio Lamazares fixera antes de achegarse á pintura- e pola música, agora achegarase paulatinamente ao debuxo e á escultura. Serán eses primeiros anos dos oitenta os que verán nacer o seu interese polo traballo da pedra e da madeira. Instruído no traballo da pedra co canteiro Vidal Payo e no taller de ebanistería de Antonio Presas en Lalín, o seu medio de expresión artística vai ser entón a escultura, na que os seus inicios de pulcritude artesanal van deixando pouco a pouco paso ao dominio do xesto. O automatismo das formas atascadas e o imprevisible comportamento da motoserra, a posteriori, serán completados nun primeiro momento polo remate das gubias, que irán desaparecendo segundo avanza a década. Se en 1986, a Santa Bendita, premiada na II Bienal de Escultura da Fundación Araguaney (Santiago de Compostela), deixa ver esa innegable influencia da escultura de Francisco Leiro e Antón Lamazares –que tamén realizou incursións puntuais neste campo-, os seguintes anos serán testemuñas dun cambio substancial no xeito de pensar e executar o seu traballo. Ese carácter totémico ao que fará alusión X. Antón Castro, as formas herdeiras do románico que a arte galega reinterpreta ata a saciedade e a tradición enquistada no máis profundo dos intentos de ruptura, tamén marcarán as primeiras obras de Wily. Pero o dominio sobre o material comeza a deixar paso á pretendida torpeza da serra mecánica e as madeiras comezan a substituír o verniz polas cores vivas e planas que outorgan os esmaltes sintéticos. Semella que a súa evolución olla cara a unha involución autoimposta, rexeitando un finxido dominio sobre a natureza, permitindo que no seu caso a madeira impoña moitas das características do resultado final. Pode recordar dun xeito especial, nesta aparente impericia, ás bastas composicións de Walter Dahn ou, na actualidade, ao xa característico imaxinario de Jonathan Meese, que recupera ese espírito irreverente e incontido dos neoexpresionistas. Semella un traballo feito salvando unha serie de obstáculos físicos. Pode recordar ás veces aos garabatos que Otto Zitko realiza cunha longa pértega, xerando esas marañas de debuxos nunha grande medida azarosos. A Cy Twombly cando a súa pintura semella un balbucido ou ás bosquexadas esculturas do recentemente finado Franz West.

 

Durante eses anos, o seu traballo comeza a verse en diferentes mostras colectivas por toda a xeografía galega. Dende as súas primeiras intervencións nos comezos da Algarabía de Lalín en 1984 –festival de rúa organizado na vila pola asociación cultural O Naranxo- vai ser en 1986 cando acade o terceiro premio da Bienal de Escultura da Fundación Araguaney. En 1988 será seleccionado para a segunda edición da xa paradigmática mostra itinerante Novíssimos –mostra na que neses anos participarán tamén Guillermo Aymerich e Armindo Salgueiro entre outros-, organizada polo Concello de Ferrol e que suporá un altofalante para unha xeración de artistas que nacían baixo a abafante sombra de Atlántica e que pelexaban sen rumbo fixo cara á superficie. Nesa mostra presenta La vuelta al ruedo del avestruz de Elche, aínda herdeira desa maneira de facer que recorda aos comezos de Leiro, pero cunha expresión facial que xa nos fala de inconexión, dun patetismo que se afasta da sobriedade inicial. Os títulos das súas obras inician agora unha deriva que corre parella ao seu interese por amosar un estado mental máis alá do vigor do esgotado guerreiro celta.

 

Un ano despois, en 1989, recibe xunto con outros artistas como Rosa Úbeda, Juan Cidrás ou o tamén lalinense Couto Codeseira unha bolsa da Deputación de Pontevedra correspondente ao certame de Novos Valores. Levado por ese crecente interese na escultura alemá e axudado por unha serie de bolsas que acadará entre 1989 e 1991, Wily viaxará a ese país coas ferramentas de traballo para participar nun campamento madeireiro durante o verán.

En 1990 realiza as súas primeiras mostras individuais no Museo Municipal de Lalín e na Galería Sargadelos de Santiago, lugar de grande importancia naqueles momentos para os novos creadores galegos que comezaban a obter visibilidade nunha serie de salas entre as que tamén se atopaban a Casa da Parra (Santiago de Compostela) ou a Casa das Artes (Vigo).

Vai ser nese mesmo ano 1991 cando participe nunha mostra conxunta con Damián Paio na Residencia Universitaria do Bosque da Condesa (Santiago de Compostela). Alí presenta obras como Unha madrileña en Lajazós, Casi todas las mujeres cenan con Orlando ou Je ne peux vivre sans toi zanfona. Nestes novos traballos, á contundencia coa que é tratada a madeira súmase de xeito decidido esa policromía que alixeira a brutalidade das figuras anteriores. Xa non estamos ante o escultor que conta unha experiencia atroz, o seu traballo comeza a coller un carácter moi persoal e atopamos un patetismo nos xestos que libra ás figuras da carga terrible que se estaba a dar en Europa.  

Marisa Sobrino destacará o seu traballo no que, baixo o signo da radicalidade tinguida de tintes humorísticos e desacralizadores, realiza unha síntese entre atributos primitivistas e a visión kitsch das súa figuracións. Así, as súas propostas poñen en escena caricaturescos personaxes en madeira vivamente policromada, xunto ós que incorpora elementos da vida cotiá, como televisores, imaxes de revistas, etc.

A Bienal de Pontevedra de 1992 reunirá aos bolseiros que entre 1982 e 1991 recibiran axudas baixo o programa de Novos Valores e inclúeos na sección oficial dese ano. Ivana, a contundente escultura coa que Wily acude a esta convocatoria, vai ser destacada por Alberto González Alegre como peza rotunda e de grande interese.

Por aqueles anos, concretamente en 1993, o inicio da actividade na Solaina de Piloño, con Paco Lareo á fronte, concentrará nesa parroquia de Vila de Cruces a actividade artística da comarca do Deza coa que Wily se vai implicar dun xeito especial ata a súa morte.

 

Vai ser tamén nese momento cando na súa escultura comecemos a atopar grandes composicións nas que a figura antropomorfa deixa paso á palabra tallada. Grandes letras que conformarán vocábulos ou composicións ilexibles nunha orde ascendente e totémica. Wily non perde a tendencia aos grandes volumes, pero agora as súas obras falarán de xeito literal. Estas novas pezas vanse ver en exposicións como a individual que no verán de 1994 realiza na Casa das Artes de Vigo. Unha grande mostra que incluirá a meirande parte da súa produción ata esa data. O carácter performativo do traballo de Wily e a posibilidade de xerar instalacións mesturando as figuras dará como resultado unha montaxe que tende á unidade. Os accesorios que en exposicións anteriores acompañaran a algunha das esculturas, son cambiados para adaptarse ao novo lugar e á situación que ocuparán agora os seus guerreiros. Algunhas das pezas aparecerán rexistradas no catálogo da exposición, que abre cun poema de Carlos Oroza, con quen Wily iniciara anos antes unha estreita amizade. En 1995, esas obras serán incluídas na mostra Nórdicos que, xunto con Armindo Salgueiro, vai realizar no Centro Cultural La Elipa (Madrid). A couza, que xa naquel momento comezaba a poboar as madeiras de Wily, obrigará a clausurar a mostra días despois da súa inauguración.

 

Ese ano o Concello de Lalín outórgalle a bolsa de creación artística no estranxeiro coa que Wily se trasladará a Florencia durante nove meses para desenrolar alí unha nova liña no seu traballo. Á necesidade de experimentar con novos materiais unirase o condicionante á hora de reducir costos na produción e alixeirar o peso das súas pezas. As estruturas de arame vense recubertas por materiais de refugallo. Novamente, máis alá do substancial cambio que experimenta a súa escultura en Italia, o material volve a poñer as regras como xa o fixera a madeira. Vai ser trala súa volta cando o Museo Municipal de Lalín albergue unha nova mostra individual na que poderán verse eses novos traballos que supoñen un importante cambio na súa carreira.

A finais de 1996 participará en Santander no I Taller de Escultura que organiza a Fundación Botín impartido polo artista catalán Sergi Aguilar. Cabe destacar o carácter viaxeiro e de constante formación no que se implicará ao longo da súa vida.

       

As exposicións nas que participará durante estes anos por toda a península e de xeito puntual nalgunhas cidades europeas, permitiranlle tamén desenrolar proxectos propios como o Expotren, un vagón parado na estación de Botos (Lalín) no que vai programar durante 1997 e 1998 sendas mostras de diferentes artistas cos que mantén relación naquel momento.

Nos últimos anos da década a presenza de Wily no circuíto artístico nacional vaise ver reducida, as mostras comezan a non ir máis alá do ámbito local e a forza coa que arrancara a década semella non ser suficiente para algunhas das voces que neses anos o reivindicaban coma unha das promesas da escultura galega posatlántica. Lonxe deste feito, o seu traballo segue a estar no seu estudio de Botos, lugar no que a actividade será incesante.

Tralas viaxes realizadas por Europa, Wily decide en 2004 viaxar a Nova York para entrar en contacto coa velocidade á que vivía a cidade na que se desenrolaran as propostas que influíron en boa parte da súa obra.

As delirantes experiencias na gran urbe influirán de xeito determinante nos derradeiros anos da súa vida. Nunha parede exterior do seu estudio, malia o paso do tempo, podemos ler Brooklyn nun gran grafiti que fala, non de maneira anecdótica, dese carácter rural cos ollos postos no que acontece moi lonxe. Fala dese carácter cosmopolita que se agocha nas grandes figuras de vivas cores e títulos imposibles que Wily creará.

En 2005, o equipo de Metrópolis da TVE visita o estudio de Wily para gravar unha entrevista con Susana Blas. Outsiders será o título deste primeiro programa dedicado a seis artistas que, máis alá da súa importancia, crean lonxe do mercado da arte e das tendencias imperantes. Figuras como o poeta Dionisio Cañas ou o pintor EVRU serán outros dos artistas incluídos nesta serie.

En xuño de 2006 falece atropelado por un tren na súa parroquia de Botos. Ás condolencias e ao balbordo inicial ségueo o silencio incómodo do esquecemento por parte das institucións que anunciaran a posta en valor do seu legado. 

Dunha orixinalidade e sutileza difícil de atopar noutros artistas do seu momento, a frescura e a carencia de convencionalismos á hora de traballar xeraron unha riqueza na linguaxe formal que Wily foi variando segundo os seus intereses cambiaban.

A vida de Wily é a vida dun ser independente, que medrou admirando a quen en moitos casos o subestimou e que hoxe, sete anos despois da súa morte, resulta ser unha figura de profunda actualidade, autor de obras nas que o paso do tempo segue a xogar no seu favor. Artista universal afastado de prexuízos, lonxe dos sentimentalismos que afloran trala morte de alguén querido, o valor artístico da súa obra obriga a deterse e reivindicar unha figura esquecida que operou baixo o salvaxe impulso dunha forza ingobernable.